Monday 13 de May de 2024

O Concello de Brión reitera o apoio unánime da corporación municipal ás demandas da comunidade escolar do IES de Brión


A concelleira de Ensino, Yolanda Bouzas, acompañou ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, durante a súa visita ao centro

A concelleira de Ensino de Brión, Yolanda Bouzas, acompañou esta mañá ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e ao voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, durante a súa visita ás nais e pais pechados no IES de Brión polos recortes da Xunta. Bouzas Alfonsín agradeceu o apoio amosado por Caballero á comunidade educativa brionesa e lembrou que “o pleno de Brión acordou por unanimidade de todos os grupos municipais apoiar á comunidade escolar do instituto en todas as iniciativas que desenvolva para conseguir un número suficiente de profesores que permitan manter un ensino de calidade como o que se vén prestando ata o de agora”.

Neste sentido, a concelleira de Ensino reiterou o “apoio total do Concello de Brión á dirección do centro, ao seu equipo de docentes, á asociación de pais e nais e a toda a comunidade educativa que está mobilizándose de xeito masivo para pedir que se corrixa unha medida que vai en detrimento da calidade de ensino que reciben os nosos mozos e mozas”. Neste sentido, Yolanda Bouzas non entende que dende Educación plantexen como solución a eliminación de asignaturas optativas, como a de Robótica, “cando estamos falando de materias para a formación do noso alumnado, materias que, ademais, os motivan moito e nas que o IES de Brión leva anos conseguindo moitos premios a nivel galego e mesmo nacional”.

Neste sentido, compre lembrar que o IES Brión leva conseguido nos últimos tempos, entre outras, as seguintes distincións: 1º premio no concurso “Sensores 2018”, convocado por Igaciencia; 1º premio do concurso “Aprendendo programando”, do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (2018); 1º premio “Juvenes Translatores”, convocado pola Comisión Europea (2018); 1º, 2º e 4º posto na III Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo (2017); 1º premio no concurso “Na procura do talento dixital”, da Dico Summit 2017; 3º posto no concurso “Wisíbilízalas”, certame nacional da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona (2017); 1º premio no concurso “Sensores 2017”, convocado por Igaciencia (2017); 2º posto no “Desafío Stem”, da Fundación Telefónica entre 1.500 proxectos de toda España; 1º, 2º e 3º postos na Competición Escolar de Robótica OSHWDem 2015. De feito, 12 dos 37 alumnos e alumnas graduados no último curso 2017-2018 tiñan unha media superior a 8,5.

Brión, punta do iceberg dos recortes

Pola súa banda, o secretario xeral dos socialistas galegos asegurou que “hoxe en Brión vemos como o Partido Popular segue a recortar en materia de educación pública. O caso de Brión é a punta do iceberg que representa a moitos pais e nais de Galicia que ven como a educación dos seus fillos e fillas está deteriorándose co goberno da Xunta e como teñen que soportar enormes curtes de material escolar, transporte, comedores, actividades escolares… que necesitan do apoio da Xunta de Galicia”.

Por iso, os socialistas anuncian que a presentación dunha iniciativa no Parlamento de Galicia “para comprometer ao Partido Popular en ter unha sensibilidade maior nestes casos e evitar que se produza unha degradación na educación pública”, anunciou Xoaquín Fernández Leiceaga. O voceiro parlamentario socialista recordou tamén que “o Concello de Brión aprobou por unanimidade apoiar as reivindicacións do IES. Isto para min ten moita importancia: todos os grupos políticos do Concello de Brión, incluíndo o Partido Popular, están de acordo con estas reivindicacións. E nós pensamos que naqueles ámbitos nos que hai máis dinámica demográfica, onde nacen nenos e hai unha poboación xoven como é a contorna de Santiago, a consellería de Educación debería ter unha sensibilidade especial para atender as necesidades que crea esta vitalidade demográfica”.